3 de junio de 2025

XUNTANZA CONTRA O XENOCIDIO EN PALESTINA - A GUARDA

 
 
MANIFESTO GALIZA CON PALESTINA
 
Compañeiros, compañeiras,

Desde as rúas e prazas da Galiza, seguimos a alzar a voz en solidariedade co noso pobo
irmán da Palestino, vítima dun xenocidio planificado e executado con impunidade polo
Estado terrorista de Israel. Nestes meses de terror, milleiros de persoas foron masacradas,
cidades enteiras arrasadas, hospitais destruídos, crianzas asasinadas baixo os escombros
e unha poboación enteira forzada ao desprazamento, á fame e á exterminación. É un crime
contra a humanidade que se perpetra en tempo real diante dos ollos do mundo, agora
mesmo contra as zonas de entrega da exígua axuda humanitaria.

Mais non todos os ollos miran do mesmo xeito. E non podemos deixar nunca de dicilo, en
todas estas concentracións, en todos os lugares onde teñamos voz. Israel e o seu terror
teñen uns cómplices necesarios, sen os cales sería imposíbel a súa continuidade do seu
proxecto colonialista. Sería imposíbel sen o patrocinio directo dos Estados Unidos, tanto fai
quen sente na Casa Branca. Sería imposíbel sen a Unión Europea, co seu silencio cómplice
e co seu apoio económico e político ao xenocidio. A hipocrisía das súas institucións, que
falan de dereitos humanos mentres financian a destrución de Palestina, é tan repugnante
como evidente. Ao mesmo tempo que tentan lavar a súa imaxe con tímidas declaracións de
condena, continúan mantendo relacións comerciais, militares e diplomáticas coa potencia
ocupante. Vémolo todos os días no caso do Estado español e do goberno do PSOE,
empeñado nas súas mentiras para ocultar os contratos da vergoña coa industria militar
sionista. Xa abonda de denuncias verbais baleiras. Xa chega de políticas vacías deseñadas
a propósito para que non teñan impacto real.

E no noso país? A indignación é aínda maior, agora que o goberno galego decidiu tirar a
carouta e mostrar a súa verdadeira axenda, reuníndose ás agachadas co embaixador en
funcións do Estado sionista, nos peores momentos do masacre. Esa xuntanza, escura e
vergoñenta, prodúcese mentres outros gobernos e institucións populares do mundo se
desmarcan de Israel. Feijóo, Rueda e quen lles segue a liña teñen as mans manchadas de
sangue palestino, convertendo o noso país nun cómplice máis deste xenocidio.

Por iso, varios miles de persoas estamos hoxe en 35 localidades da Galiza a demandar:

O fin inmediato do xenocidio en Gaza e en toda Palestina.

O embargo total de armas e a ruptura de relacións co Estado de Israel.

A expulsión do embaixador israelí e o recoñecemento efectivo do Estado palestino
do río ao mar, co retorno das persoas refuxiadas.

A dimisión de quen, dende Galiza, se preste a normalizar relacións con quen
perpetra crimes de guerra.

A aplicación de medidas reais de boicot, desinvestimento e sancións contra Israel
dende as institucións galegas, locais e autonómicas.

E non imos ficar aquí. No conxunto de accións que se están preparando, a solidariedade
internacional está a organizar unha marcha ao posto fronteirizo de Rafah e anunciamos que
Galiza estará presente. Da Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina
anunciaremos nos próximos días os detalles das accións de apoio á Marcha e a
participación dunha coluna galega desta acción internacional. Desde xa, quedamos
convocados e convocadas para o próximo día 16 de xuño para novas mobilizacións da
apoio á causa da liberdade da palestina e ás marchas a Rafah.
Porque hoxe máis ca nunca, dicimos en voz alta:
GALIZA CON PALESTINA!
PALESTINA VENCERÁ

 PRAZA AVELINO VICENTE










Álbaro Lamas Baños









 

No hay comentarios:

Publicar un comentario