14 de julio de 2011

HOMENAXE NACIONAL AS VÍCTIMAS DO FRANQUISMO


Homenaxe nacional ás vítimas da represión franquista na Illa de San Simón

A Iniciativa Galega pola Memoria, coa colaboración da Fundación Illa de San Simón, ten previsto levar a cabo a celebración anual da homenaxe nacional ás vítimas do franquismo o vindeiro 17 de xullo ás 11 da mañá na Illa de San Simón.

Desde 2006, no que se instaurou esta homenaxe con motivo da declaración institucional do “Ano da Memoria”, nas datas próximas ao 18 de xullo, axuntámonos os diferentes colectivos que estamos a traballar na recuperación da memoria histórica co fin de lembrar á represión desatada con motivo do alzamento militar contra a legalidade republicana e a instauración do réxime de terror que segou a vida das persoas máis lúcidas e xenerosas daquelas xeracións de demócratas combatentes pola xustiza social, a liberdade e a igualdade.

A homenaxe consistirá nunha visita guiada pola illa lembrando a historia da colonia penitenciaria, coa participación de dous ex-presos superviventes, Heriberto Rodríguez e Idelfonso Puente. Actuacións musicais e poéticas, lembrando especialmente este ano a axuda que prestaron os veciños da contorna, e fundamentalmente as mulleres de Cesantes, para facer máis levadeira a dramática situación na que se atopaban os detidos.

Por último, farase unha ofrenda floral no cemiterio da Illa, diante da placa conmemorativa que lembra o acontecido.
 A Guarda a 14 de xunho 2011.







No hay comentarios:

Publicar un comentario