O MEMORIAL DOS CALCETÍNS HOMENAXEA NA GUARDA AS INFANCIAS PERDIDAS EN PALESTINA
A plataforma Baixo-Miño por Palestina puxo en marcha onte no entorno da Rúa Concepción Arenal co Convento O memorial dos calcetíns, unha exposición en memoria das nenas e nenos palestinos asasinados por Israel.
A exposición que xa pasou polos concellos do Rosal e Tui e continúa por outros concellos de Galiza pretende ser un acto interactivo no que a xente que se acerque pode colgar tamén calcetíns, implicándose deste xeito contra a acción xenocida de Israel.
Segundo datos de UNICEF, nos últimos dous anos e medio hai máis de 64.000 nenas e nenos asasinados e mutilados, entre eles máis de 1.000 bebés. Non hai datos de cantos máis morreron por enfermidades preveníbeis, nen tampouco cantos seguen enterrados baixo os entullos. O que si sabemos é que Israel continúa na súa acción de exterminio do pobo palestino.
O goberno e o exército de Israel mataron “deliberadamente” a nenas e nenos palestinos desde 2023, cometendo un delito de xenocidio e crimes de guerra en Gaza e Cisxordania segundo unha investigación independente de Nacións Unidas publicada o pasado 18 de xuño de 2026.
Galiza e o mundo enteiro non pode esquecer Palestina e debemos alzar a voz contra o xenocidio en Gaza e no resto dos territorios ocupados, que inclúen hoxe tamén o Sur do Líbano. Israel atenta contra o dereito internacional e continúa cos seus crimes grazas ao apoio de occidente. Non hai declaracións válidas se non se aplican sancións severas, denuncian desde o colectivo Baixo Miño por Palestina.

No hay comentarios:
Publicar un comentario