23 de mayo de 2026

REVOLUCIÓN GALEGA 1846

 

 EN A GUARDA 



Estrea do documentario 1846 – Revolución Galega

A Fundación Galiza Sempre estrea o martes 26 de maio, no Centro Cultural da Guarda o documentario 1846 – Revolución Galega, dirixido por César Caramês.
O filme documental sobre a Revolución Galega de 1846 estrearase na Guarda este martes 26 nunha sesión especial ás 20:00 no Centro Cultural grazas á colaboración do concello co gallo do 180 aniversario da revolución. Alén da proxección do audiovisual, contará cun coloquio co director e estudoso da revolución, César Caramês. 1846 – Revolución Galega, é o resultado de anos de traballo de investigación do profesor de lingua e literatura galega de Moraña, César Caramês, para recuperar do ostracismo un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galiza. A Fundación Galiza Sempre xa ten traballado nos últimos anos co obxectivo de desterrar do esquecemento esta parte tan importante da nosa historia.
Fixoo en 2021, coa publicación do primeiro monográfico dentro da colección Efemérides da Galiza, co gallo do 175 aniversario dos Mártires de Carral, autoría do finado Xusto Beramendi. Un ano despois, editou a segunda co gallo do 200 aniversario da morte de Antolín Faraldo da man de Henrique del Río. E agora, aproveitando o 180 aniversario, publicou unha dedicada específicamente á Revolución Galega, da autoría de Caramês.
Desde a Fundación Galiza Sempre consideramos que todo o traballo que se faga nesta dirección sempre será pouco. Por iso, ademais deste documentario e da publicación da colección de Efemérides da Galiza, impulsamos, xunto á editora Tempo Galiza, unha edición facsimilar completa do xornal El Porvenir, publicado por primeira vez na súa integridade.
O feito de que este documental vira a luz, responde a que somos conscientes de que a Revolución Galega é practicamente descoñecida para a maioría do noso pobo. Ocultala como un pronunciamento liberal español máis, con certa dose folclórica galeguista, impide a comprensión da propia realidade presente. Calquera achegamento á literatura galega do século XIX ou á historiografía de Galiza vírase forzosamente incompleto sen abranguer un evento tan transcendental para a xeración que o protagonizou. Rosalía, Murguía ou Pondal preséntanse inexplicábeis se descoñecemos o substrato do que abrollan. Porén, a narrativa oficial, alicerzada nunha obra de 1977 con pretensión ‘desmitificadora’, agocha ou mingua a combatividade e a anticipación daquel movemento. Mesmo murcha as súas repercusións e conexións populares e internacionais. Redúceo
a unha anécdota rexional no discurso nacional español sen dubidar en silenciar as mesmas fontes históricas.
A dixitalización das fontes, a súa democratización, permite cuestionar ese relato histórico e completar eses retallos da nosa historia para entender que a aparición de Galiza como suxeito nacional moderno desde a acción político-militar, racha coa concepción colonial, sentimentalista, do nacemento como fenómeno literario. Non existiría idea de Galiza como nación, mesmo galeguismo ou autogoberno presente sen aquel soberanismo revolucionario inicial. A revisión da Revolución
Galega convértese así en fulcral para o entendemento da nosa historia recente e de nós mesmas como colectividade actuante sobre o noso destino a partir de precedentes claros.
O documentario conta con un amplo elenco de 17 especialistas para contrastar a interpretación dos feitos e contexto desde diferentes puntos de vista: economía, literatura, antropoloxía, política, xénero, socioloxía, relixión e, por suposto historia contemporánea. Así, podemos atopar a Carlos
Callón, Ascensión Cambrón, Camilo J. Cortizo, Uxío Breogán Diéguez- Cequiel, Isidro Dubert, Eliseo Fernández, Manuel Gago, Xurxo Martínez, Francisco Prieto, Juan Renales, Henrique del Río, Francisco Rodríguez, Antom Santos, Goretti Sanmartín, Iria Taibo, Marga do Val e a X. Ramón Veiga.

Contacto:
fgs@galizasempre.gal
Lucía Veciño: 652995415 


Fundación Galiza Sempre 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario