18 de septiembre de 2025

CONCENTRACIÓNS POR PALESTINA EN GALICIA

 

 


 

CONCENTRACIÓNS POR PALESTINA NA GUARDA E EN TUI


Baixo Miño con Palestina, colectivo de solidariedade co pobo palestino da nosa
comarca, chama novamente á mobilización. Adherimos á xornada convocada pola
Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina para o vindeiro luns 22 de
Setembro. Serán 43 as localidades galegas que se mobilicen nesta ocasión,
renovando o compromiso de non dar un paso atrás na loita por acabar co maior
crime humanitario das nosas vidas, o xenocidio en Gaza.
Nesta ocasión, á habitual concentración na praza Avelino Vicente da vila da Guarda,
ven sumarse a convocatoria que facemos tamén en Tui, na praza da Inmaculada, ambas ás 20 horas da tarde. Debido ás obras en curso da praza da Inmaculada, concentrarémonos diante da mesma, no paseo da Corredoira.
 

A fame, empregada como arma de guerra, continúa a segar vidas en Gaza e nos últimos días a propia ONU recoñecía que Israel está a cometer un xenocidio. Os seus investigadores estiman en 680.000 o número máis probábel de persoas asasinadas, o que suporía en torno a 2/3 da poboación da provincia de Pontevedra, para facérmonos idea da brutalidade do que está a acontecer.


Na Guarda e en Tui, manifestaremos xunto a outras 41 localidades do país a nosa determinación en incrementar a presión sobre os patrocinadores occidentais de Israel, para pór fin ao masacre e contribuir á liberación da Palestina.





MANIFESTO PALESTINA 22/09/2025

Compañeiras, compañeiros

A situación en Gaza é de extrema gravidade. O exército de Israel continúa a atacar a

Cidade de Gaza que previamente reduciu a ruínas para forzar a poboación a fuxir. Á falta de

infraestruturas para atender as necesidades básicas de quen o perdeu todo hai xa meses

que se sumou a fame empregada abertamente como arma de guerra, e as filas que se

forman para conseguir axuda humanitaria están a ser empregadas como campo de tiro para

mercenarios e soldados sionistas, que tratan así de espallar o pánico. Todo este conxunto

de atrocidades cun único obxectivo: varrer a poboación palestina á procura do negocio da

reconstrución, da especulación urbanística, da tomada de posesión dos xacigos gasistas

que se encontran diante da Faixa de Gaza e da idea supremacista dunha terra só para as e

os colonos. Unha limpeza étnica con todas as letras ao servizo dos intereses imperialistas

na rexión e da idea fanática do grande Israel.

Contra iso é contra o que nos estamos a mobilizar hoxe en 44 localidades da Galiza:

millares de pesoas en todo o país baixo a palabra de orde dunha Palestina libre e soberana,

sen xenocidio, mais, tamén de fondo, sen ocupación. Non podemos falar só destes últimos

2 anos: temos que falar dos 77 anos de ocupación que desmembraron a Palestina histórica

e deron lugar á Faixa de Gaza, o maior campo de concentración da historia da humanidade;

77 anos de ocupación que deron lugar a máis de 4 millóns de refuxiados e refuxiadas

palestinas; 77 anos de ocupación que impediron o desenvolvemento normal da sociedade e

o exercicio dos máis básicos dereitos civís e políticos por parte do pobo irmán palestino. E

cuxas vítimas, asasinadas, convertidas en órfas, sometidas á miseria e esquecidas pola

maioría dos gobernos do mundo, son xa incontábeis.

Sen o apoio dos Estados Unidos e da Unión Europea, Israel non poderia levar 2 anos

masacrando civís e arrasando toda Gaza. Pero sen ese apoio tampouco poderia levar 77

anos ocupando ilegalmente as terras palestinas, as libanesas e as sirias e estendendo o

seu rexime de terror todo á volta. Por iso insistimos unha e outra vez en ligar o xenocidio ao

pasado inmediato de ocupación e apartheid. O xenocidio é unha fase máis, a máis cruel e

salvaxe, dun plano colonial que avanza paso a paso desde hai case 8 décadas. E o

sionismo é a ideoloxía que lle dá suporte.

A solidariedade galega entendeuno perfectamente, e por iso levamos dous anos de

mobilización social permanente contra o sionismo, negándonos a normalizar un estado

ocupante. Por iso tamén boicotamos a participación da equipa Israel Premier Tech na

LaVuelta, facendo visíbel a repulsa ao sionismo en todas as etapas que cruzaron a Galiza.

Por iso nos mobilizaremos o 4 de Outubro contra a presenza de Ehud Olmert na Toxa. Non

esquecemos que este sionista, que de maneira oportunista critica Netanyahu agora,

ordenou bombardear Gaza durante 22 días consecutivos na operación Chumbo Fundido

cando era primeiro-ministro de Israel. E tamén por iso nos mobilizaremos este vindeiro día 5

de Outubro, nas vésperas de que o xenocidio cumpra o seu segundo ano, para repudiar a

vergoñenta pasividade ou directamente o apoio aos sionistas por parte de quen nos

goberna e para exixir que os culpábeis deste regueiro interminábel de crimes de guerra e

contra a humanidade sexan dunha vez detidos e xulgados. É esencial que nos impliquemos

cada unha e cada un de nós en espallar esta convocatoria nacional, asegurando asistencia

e desprazamentos desde todas as comarcas do país, para dar continuidade a esta

mobilización. Son estas as accións que están levando os gobernos a dar pasos para isolar

Israel. Son insuficientes e tímidos, pero non existirían sen a acción permanente da

solidariedade, e por iso temos que continuar premendo quen nos goberna para que non

poidan seguir a olhar para outra parte.

Por unha Palestina libre e soberana, en paz, sen xenocidio e sen ocupación!

Galiza con Palestina!

Palestina Vencerá!


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario